Cando era estudante de Arte descubrín a importancia das igrexas para a sociedade medieval. A relixión era unha das categorías máis importantes, se non a que máis, e iso notábase. O peso da doutrina, das persoas que a xestionaban, determinaba que a igrexa ocupara a zona principal das vilas, e que a súa fábrica dominara sobre o resto das construcións. Deus tiña que destacar, era o creador.
Pasan os anos, as crenzas mudan e os costumes con elas. “Malos tempos para a fe”. Hoxe as construcións civís son tanto ou máis salientábeis que as relixiosas, e a localización destas ven definida polos mesmos criterios que os de calquera outro edificio: O prezo do solo. A especulación. O capitalismo.
Hoxe paseo por Lugo e confirmo o aprendido. A catedral domina o espazo. Sobresae de entre os edificios e a súa cantería estrea cara limpa.
Hoxe paseo por Lugo e confirmo o aprendido. A frustración pintada nas paredes, a decadencia dun espazo, o desinterese político.
Hoxe paseo por Lugo e aprendo. Non son malos tempos para a Sé. Aínda non pasaron tantos anos.